Domingo. 05.05.2024

O Concello de Monterroso continúa co plan de mellora dos seus parques e espazos ao aire libre. Neste caso vense de adxudicar por decreto de Alcaldía a mellora de dous dos parques infantís do Concello de Monterroso con fondos propios.

A renovación, consistirá na retirada do pavimento existente que se atopa moi deteriorado, instalación de novo pavimento continuo de absorción de impactos, colocación de nova valla metálica, rehabilitación de xogos, instalación de novos xogos máis atractivo e certificación do cumprimento da normativa EN1176 e EN1177.

Na Praza Rojo Losada ademais ampliarase a zona de xogo e crearase un espazo de confraternización, embelecendo o entorno coa instalación de diversos bancos e xardineiras para facer o espazo máis humanizado e dándolle unha nova imaxe a toda a zona.

Por outra banda, na Cúpula, que é un espazo que se utiliza tamén para xogos, haberá circuítos de psicomotricidade e xogos tradicionais para que podan desfrutar os máis cativos cando a climatoloxía non permita os xogos ao aire libre.

A alcaldesa, a independente Rocío Seijas, asegura que “esta remodelación dos parques infantís e das zonas verdes supón un compromiso adquirido coa veciñanza e é o mesmo tempo unha maneira de continuar asentando familias no noso Concello”. Explica tamén que “a infancia é un dos piares do futuro, pero tamén do presente e que por ese motivo a miña política sempre se centrará en buscar solucións e atender ás necesidades de pais e fillos”.