Venres. 17.05.2024

A Deputación de Lugo deu comezo á execución das obras de mellora dun novo tramo da estrada LU-P-2901, que conecta Lugo con Palas de Rei, un proxecto ao que a institución provincial dedica un investimento de 175.000 euros e que consiste na pavimentación do firme con aglomerado entre os quilómetros 21,370 ao 25,000, o que aumentará a comodidade e a seguridade dos usuarios.

O prazo de execución destes traballos é de 9 meses e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación do firme con aglomerado e o pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. Trátase dunha actuación moi importante para a zona porque esta estada provincial dá servizo ás parroquias palenses de Augas Santas, O Carballal e San Cibrao da Repostería e tamén é moi empregada polos peregrinos para situarse ao pé do Camiño de Santiago.

Estas obras dan continuidade ás actuacións que se fixeron noutro tramo da LU-P-2901 o ano pasado. En concreto, mellorouse o firme co estendido de aglomerado en quente e renovouse a sinalización do treito situado entre os puntos quilométricos 3,340 e 5,400 no concello de Lugo por importe de 85.000 euros. En total, a institución provincial investiu nos último ano máis de 260.000 euros nesta estrada.