Mércores. 08.05.2024

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíños, visitou aos alumnos do curso AFD (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a Desempregados) que iniciaron a súa formación nos locais de Cogami en Cabana de Bergantiños. Concretamente, están sendo formados 15 alumnos en Operacións Auxiliares en Servizos Administrativos e Xerais que conta cun apoio da Xunta de máis de 35.400 euros.

Esta formación está tendo lugar en centros homologados, que poden ser tanto empresas como concellos e entidades sen ánimo de lucro. Trenor sinalou que “a través deste programa a Consellería de Emprego e Igualdade está investindo na provincia coruñesa máis de 14,5 millóns de euros para impartir 382 cursos”.

Os alumnos que participan nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnos vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais, un programa que saíu publicado no Diario Oficial de Galicia (o pasado venres 29 de outubro).

O delegado territorial destacou que na área de Bergantiños Costa da Morte se están impartindo 42 cursos para formar a máis de 630 alumnos cun investimento que ascende a máis de 1,7 millóns de euros. Este tipo de formación está a celebrarse na súa maioría en empresas e entidades sen ánimo de lucro e catro deles están sendo impartidos polo Concello de Carballo. Os organizadores ofertan accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Esta iniciativa ten como obxectivo seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2021-2022), o que posibilita que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos alumnos.