Mércores. 08.05.2024

A entidade “Suelo Empresarial do Atlántico”, organismo estatal dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes, animou aos empresarios a investir nos polígonos que xestiona na Costa da Morte, nos que se ofrece unha histórica oferta de chan en Dereito de Superficie, unha fórmula próxima ao alugueiro con opción a compra, que permite ás empresas instalarse sen ter que adquirir a parcela.

Trátase dunha aposta para favorecer a implantación de novas empresas, con parcelas, nalgúns casos, cun custo de 75 euros ao mes. Este sistema deu xa resultados moi destacables en polígonos como o de Baión en Vilanova de Arousa, no que se adxudicaron máis de 25.000 metros cadrados en Dereito de Superficie.

En concreto, “SEA” oferta 15.882 metros cadrados en Dereito de Superficie en Malpica, por cantidades que oscilan desde os 75 euros aos 100 ao mes. En Cee son catro as parcelas dispoñibles, que suman un total de 8.712 metros cadrados e en Vimianzo ata 25 (30.042,45 metros cadrados), e con prezos desde os 88 euros mensuais, por parcelas de máis de 1.000 m².

En total, a oferta en Dereito de Superficie na Costa da Morte alcanza os 64.636,45 m², e permite aos interesados optar tanto por este sistema como o de adxudicación habitual, de forma simultánea se están interesados en varias parcelas.

As empresas que opten polo Dereito de Superficie poderán mesmo adquirir a parcela, posteriormente, con descontos nas súas cifras totais. Este sistema deu bos resultados en Vilanova de Arousa, onde xa foron catro as empresas que optaron por comezar a súa actividade con chan en Dereito de Superficie. Esta opción impulsada pola actual xerencia permite ampliar posibilidades nuns polígonos da Costa da Morte que, con todo, están a mostrar un crecemento sostido nestes últimos anos.