Venres. 24.05.2024

O Concello de Camariñas pretende comprarlle a Casa do Mar de Camelle á Tesourería Xeral da Seguridade Social co obxectivo de rehabilitala e convertela nun espazo de ocio, respondendo así unha antiga demanda dos veciños e veciñas da parroquia.

 A alcaldesa, Sandra Insua, visitou o edificio xunto co director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Miguel Planas Roca; a concelleira de Servizos Sociais, Begoña Tajes; o concelleiro de Urbanismo, Sergio Caamaño; e membros da Asociación de Veciños A Pergoliña.

 A Casa do Mar de Camelle, que no seu día foi moi utilizada para realizar cursos de pescadores, actividades ou obras de teatro, atópase agora en estado ruinoso tras máis dunha década de abandono.

 O director provincial da TGSS constatou o mal estado do edificio e amosou a súa predisposición para que pasa a mans do Concello, que pretende facer unha oferta de compra en condicións favorables xa que só sendo propietarios poderá optar a axudas de rehabilitación.

 “A intención do goberno local é ir rehabilitando o inmoble pouco a pouco para poder facer uso del e que a veciñanza de Camelle teña un espazo en condicións para poder facer actividades, cursos... xa que a casa de Man está quedándose pequena e Camelle é unha das parroquias onde os nenos e nenas máis participan nas actividades que organiza o Concello”, explica Sandra Insua.