Mércores. 08.05.2024

O embaixador dos Países Baixos en España, Jan Versteeg, realizou unha visita a Muxía para falar sobre a comercialización de produtos e potenciación do turismo entre o país neerlandés e a vila da Barca.

A xornada comezou cunha recepción oficial na casa consistorial por parte do rexedor muxián, Iago Toba. Alí tivo lugar o intercambio de obxectos tradicionais no que Versteeg deu entrega dunha peza de porcelana típica de Holanda e Toba, en nome do pobo de Muxía, fixo entrega dunha réplica do Santuario da Barca.

Tras o acto de recibimento, a expedición visitou o monumento da Ferida e o Santuario e as pedras da Barca. Ademais, durante a visita trataron temas de economía, sociedade, cultura, turismo e fixaron unha folla de ruta entalar relacións turísticas e comerciais a longo prazo entre o país neerlandés e o municipio galego.

Toba e Versteeg tamén tiveron tempo para conversar sobre a poboación de persoas holandesas afincadas en Muxía que, moitos deles tras facer o Camiño de Santiago, quedan prendidos da vila e deciden quedarse a vivir nela.

O alcalde, Iago Toba, amosou “o orgullo de que un país referente en Europa como é Holanda poña o foco de atención en Muxía para potenciar o turismo e a comercialización de produtos entre rexións”.

Na mesa liña, Versteeg destacou o “agradecemento pola gran acollida recibida en Muxía” e celebrou o lazo de unión entre territorios.