Xoves. 09.05.2024

 O Concello de Cabana executará traballos de rehabilitación integral no percorrido do Rego dos Muíños. O proxecto, financiado a través do POS+2021 da Deputación da Coruña, contempla o acondicionamento xeral da ruta, un traxecto composto por tres quilómetros e que tamén forma parte do Camiño dos Faros.

 O obxectivo da intervención pasa por darlle un novo impulso á senda e seguir incrementando o seu gran potencial turístico. O goberno local estivo á espera da aprobación de Augas de Galicia desde o ano pasado para darlle luz verde á actuación. Esta semana, o Concello recibiu a última autorización pendente, neste caso da Deputación, para iniciar o proceso de licitación.

 Segundo explicou o alcalde de Cabana, José Muíño, “a conservación e posta en valor do Rego dos Muíños constitúese como unha peza fundamental dentro dos plans de promoción etnográfica e paisaxística municipais”.

 En marzo do 2021, como consecuencia do paso da borrasca Karim, o Concello de Cabana executou un plan de arranxos con carácter urxente debido aos danos que sufriu a senda. Con esta nova actuación que se licitará nos vindeiros días búscase potenciar definitivamente o percorrido, que nos últimos anos está a rexistrar un importante incremento de camiñantes.