Martes. 07.05.2024
Comesaña reuniuse co alcalde da localidade

Analizan posibles parcelas para o novo centro de saúde en Ribadeo

  O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o alcalde do Concello de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz, manterán unha reunión no Edificio Administrativo do Sergas en San Lázaro
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o alcalde do Concello de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz, manterán unha reunión no Edificio Administrativo do Sergas en San Lázaro

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, para avanzar no proxecto de construción dun novo centro de saúde para este municipio.

Na xuntanza, á que asistiron a directora Xeral de Recursos Humanos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, a Xunta e o Concello avaliaron distintas posibilidades de parcelas dentro do municipio para a construción do novo centro de saúde deste concello.

Este centro de saúde aparece recollido na Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado outubro. O Goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de atención primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a construción dun novo centro de saúde en Ribadeo tendo en conta que o actual centro de saúde, de 35 anos de antigüidade, presenta unha importante falta de espazos e de funcionalidade asistencial, dificultando o necesario crecemento dalgunhas áreas.

Para substituílo, o documento estratéxico propón un novo centro cun plan funcional que contempla incrementar en 5 as consultas de adultos, crear unha consulta para o programa da muller, outra para o hixienista dental, salas de reanimación e de observación no PAC, a integración de espazos para o 061 e o aumento das superficies nas áreas fisioterapia ou radioloxía. En consecuencia, o plan prevé que o novo centro se achegue aos 2.500 metros cadrados de superficie, un aumento dun 30% respecto á superficie do actual centro.

Logo da aprobación do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, o conselleiro de Sanidade remitiulle, o 4 de novembro, cartas a todos os alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan. Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, a Xunta solicitaba a pronta achega, por parte dos concellos, de parcelas viables para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento dos novos centros.

Unha vez respondida esa solicitude por parte do Concello de Ribadeo, a Consellería de Sanidade dará inmediata resposta avaliando as propostas entregadas polo Concello e, posteriormente, organizando unha visita de técnicos do Sergas aos terreos para poder avaliar a idoneidade daquelas que se consideren máis aptas e, no caso de confirmala nalgún caso, comezar os trámites para asinar un convenio de cesión da parcela por parte do concello e de inicio da licitación por parte da Xunta do proxecto construtivo.