Martes. 07.05.2024

Concello de Viveiro acaba de remitir á área de Deportes da Deputación Provincial de Lugo e ao Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia unha copia do proxecto elaborado polo Concello de Viveiro para executar diversas melloras no Campo de Lavandeiras, solicitando a colaboración económica de ambas administracións para poder levar a cabo estas actuacións.

Dende o Concello de Viveiro considérase que se trata dunhas actuacións necesarias, que permitirían a práctica de máis modalidades deportivas e reducir a carga de actividade do Campo de Fútbol Marcos Gómez. Neste momento, o Campo de Lavandeiras xa está sendo utilizado por algúns clubs ou asociacións deportivas, pero a falta de vestiarios, por exemplo, impide a celebración de partidos oficiais (Liga, Copa, etc.).

Trátase dunha nova actuación de mellora a levar a cabo neste campo de fútbol, sendo a intención do concello “continuar con futuras intervencións mellorando as instalacións para ampliar a súa actividade deportiva”.

ACTUACIÓNS

As actuacións contempladas neste proxecto inclúen a dotación dunha serie de elementos necesarios para poder levar a cabo a práctica deportiva, como poden ser redes, vestiarios, banquillos, etc., así como a reforma da instalación eléctrica do campo de deportes.

Con respecto á modificación da instalación eléctrica, indican no concello que na actualidade, o campo non dispón de subministro propio e, polo tanto, debe ser alimentada ou ben cun xenerador ou ben a través doutra instalación. O obxectivo desta actuación é dotar o campo de deportes dun suministro propio. O campo dispón nun dos laterais de dúas torres de celosía con proxectores; en cada unha das torres hai instalados 6 proxectores de HM de 400 w e a idea é manter a iluminación existente.

En relación co equipamento para a práctica deportiva, o proxecto inclúe a instalación dunha valla ou barandilla perimetral que separe o terreo de xogo da zona destinada aos espectadores; dunha caseta-vestiario modular con estrutura autoportante soldada e con paneis sándwich; de redes e de banquillos, para os xogadores reservas, técnicos, etc.

O orzamento de contrata deste proxecto ascede a 120.018,57 euros e, para a súa execución, o concello solicitou o apoio da Área de Deportes da Deputación Provincial de Lugo e do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia.