Sábado. 04.05.2024

O Concello de Foz iniciou as obras de reforma da rúa Limoeiros. Con case 58.000 euros de orzamento con cargo ao Plan Único 2021 da Deputación, os traballos pódense dividir en dous tramos. As obras comezaron con tarefas de demolición entre Paco Maañón e a Congostra do Cura, onde a renovación será total, pasando de ser unha rúa con rego asfáltico e beirarrúas sen accesibilidade a unha plataforma única de formigón impreso ao mesmo nivel, con acceso limitado a residentes. Ademais, neste tramo disporase unha nova varanda de protección, un colector de pluviais de PVC para avanzar na rede separativa e renovarase o abastecemento e outras tubaxes onde sexa preciso. No tramo entre a Congostra do Cura e a Rúa do Porto mellorarase o firme con aglomerado en quente e disporase nova sinalización, nun viario que pasará a ser dun único sentido de circulación.

O Concello de Foz pide desculpas a veciñas e veciños da rúa Limoeiros e a todos os usuarios dese vial polas molestias que se lles van causar durante a execución dos traballos.