Sábado. 20.04.2024

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou nunha nova entrega de equipamento a distintos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da comunidade, con catro equipos de excarceración. O destinatarios foron os GES de Monterroso, Cangas, e Muíños, así como o Servizo Municipal Terras de Celanova. A contía total do material ascende a 178.000 euros, 44.500 euros por cada conxunto.

Os equipos constan dunha ferramenta combinada electro-hidráulica, portátil e autónoma que permite realizar multitude de operacións a temperaturas que van desde os -20º aos 55ºC; unha cizalla de coitelas curvas válida para todo tipo de piares e de proteccións laterais de vehículos, así como para cortar materiais de alta resistencia; e dun cilindro de rescate de dous pistóns. Contan tamén con seis baterías de ión-litio de alta capacidade, tres cargadores, tres cables de alimentación e unha serra de rescate para vidro laminado, metal e madeira.

O material forma parte do reforzo dotacional impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos GES e que suma un investimento global superior aos 2 millóns de euros. Neste marco de acción, recentemente entregáronse seis furgóns de servizos varios e cinco camións autobomba.

A Xunta aposta así por dotar os servizos de emerxencias dos concellos cos recursos precisos para o desenvolvemento do seu labor a prol da prevención e da protección da cidadanía e do patrimonio. Segundo apuntou Diego Calvo, o obxectivo é garantir as mellores condicións de seguridade e a maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta.