Xoves. 25.04.2024

A Xunta de Galicia e o Concello de Portomarín acordaron estudar vías de colaboración para levar a cabo a humanización do Campo da Feira da localidade lucense, segundo o protocolo de intencións que asinaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Pablo Rivas.

O acordo sentará as bases da futura cooperación entre ambas administracións para actuar nun espazo de 4.300 m2 localizado no centro urbano de Portomarín. Na actualidade, trátase dunha zona cun gran desnivel na que se encontran a área de caravanas, o propio campo da feira e o Gastro Obradoiro Galego.

O obxectivo é poñer en valor as vistas cara ao río Miño e á entrada o Camiño de Santiago na localidade desde as partes superiores a través dun desmonte e da substitución da cuberta metálica existente por estruturas multiusos máis pequenas cun deseño con elementos vexetais e cunha escala e proporción máis acorde coa contorna no que se atopan. Tamén se prevé a construción dun aparcadoiro subterráneo.

A realización deste tipo de iniciativas que buscan a mellora e a modernización dos equipamentos públicos urbanos co obxectivo de revitalizar o territorio encaixa dentro das competencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, motivo que xustifica a colaboración entre ambas partes a través da sinatura deste protocolo.

Para concretar as condicións desta cooperación, este protocolo deberá desenvolverse a través da sinatura dun futuro convenio de colaboración, no que se detallarán as actuacións e os compromisos asumidos por cada administración, incluída a achega económica da Xunta e as anualidades para o financiamento da execución das obras.