Luns. 20.05.2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron o Centro Público Integrado As Mirandas, no Concello de Ares, co gallo do inicio da ampliación e reforma do colexio, que conta cun prazo de execución dun ano. “Esta semana iniciamos os traballos, unhas obras nas que investimos máis de 3 millón de euros, que van redundar nunha mellora significativa do servizo educativo do Concello de Ares, que só conta con este centro”, destacou o conselleiro.

A actuación no CPI As Milandas está enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros educativos dando resposta ás necesidades do século XXI. Así pois, suporá a dotación do centro con espazos máis axeitados para Infantil, incluíndo unha aula especializada de psicomotricidade, así como actuacións na zona de Primaria.

Para iso construirase unha nova edificación que acollerá as seis aulas de infantil, ata o momento distribuídas en diferentes espazos, e a de psicomotricidade, cunha superficie total de 850 metros cadrados. Así, este novo volume estará conectado co andar baixo do edificio existente.

Para cumprir coas necesidades da comunidade educativa, procederase á reforma do inmoble xa existente, tanto no que atinxe á eficiencia enerxética como na reordenación de espazos. Deste xeito, mellorarase a envolvente térmica do edificio coa instalación dun sistema de illamento e novas fiestras.

Ademais, situaranse no andar baixo do edificio, agora ocupado por aulas de Infantil, os espazos administrativos, a aula de usos múltiples e a biblioteca, aproveitando para ampliar este último espazo. O resto do volume continuará acollendo as aulas de Primaria e ESO.