Sábado. 27.07.2024

O Concello de Boiro elaborou un Protocolo para a prevención das violencias machistas, sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de ocio do municipio, segundo explicaron o concelleiro de Política Social, Raúl Treus; a directora do CIM, Marga Sampedro; e a criminóloga, Débora Viturro, na presentación do proxecto.

A finalidade deste documento é dar a coñecer os tipos de violencias machistas, sexuais e LGTBIfóbicas que existen para aprender a identificalas e previlas. “É unha aposta máis do Concello de Boiro para actuar sobre a prevención das violencias nos ámbitos de ocio”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.

O documento recolle unha explicación dos tipos de violencia, as formas nas que se manifesta e tamén as pautas para a súa detección e como actuar en cada caso. “O protocolo está baseado nun estudo realizado na Universidade da Coruña no que se avalían os espazos menos seguros para poder lograr que sexan máis seguros mediante a concienciación e a prevención”, detallou Débora Viturro, redactora do protocolo.

Así pois, este documento ofrece un recurso formativo para locais e hostalería, asociacións, entidades ou comisións de festas, de xeito que se cree unha rede de espazos seguros e libres de violencias no ocio. “O que pretende este protocolo é establecer un método a seguir sobre como detectar as violencias e como actuar para evitalas e previlas en todos os ámbitos do ocio, tanto en locais hostaleiros como en festas ou verbenas”, explicou o concelleiro de Política Social.

Ademais da elaboración deste documento e a formación, o Concello de Boiro realizará campañas de difusión e información orientadas especialmente á mocidade. “Este protocolo xorde dun traballo de moitos anos e que agora pretende que a detección e a prevención das violencias vaia moito máis alá dos profesionais, implicando tamén a colectivos, entidades e empresas”, recoñeceu a directora do CIM, Marga Sampedro.