Luns. 20.05.2024

O Eixo Atlántico comunicou a aprobación da candidatura presentada polo Concello de Ferrol para a realización das directrices da redacción dun Plan de infraestrutura verde e biodiversidade que sirva como ferramenta cara a orientación dun modelo de cidade sustentable.

O obxectivo é preparar a urbe para os desafíos do cambio climático e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. Para conseguilo, o documento no que se traballe partirá da análise e do estudo da información existente no municipio e noutras administracións para identificar as debilidades e fortalezas existentes. Deste xeito, poderanse establecer obxectivos baseados na realidade da cidade e establecer as directrices necesarias para a elaboración do plan.

Na diagnose preliminar establecerase unha estreita colaboración dos técnicos municipais na que se analizarán os aspectos da infraestrutura verde do Concello de Ferrol relativos ámbitos como a conectividade ou as demandas sociais en relación ás necesidades existentes.

Para a clasificación dos elementos que integran a infraestrutura verde, teranse en conta a clasificación do solo e a planificación establecida nos instrumentos de ordenación, as categorías propostas pola Axencia Europea de Medio Ambiente, incluídas na Estrategia Nacional de Infraestructura Verde y de la Conectividade y Restauración Ecológicas (Enivcre) e outras normativas de referencia.

Deste xeito poderanse mellorar o servizos ecosistémicos dos que desfruta a cidadanía, mellorando a súa calidade de vida e proxectando a imaxe dunha cidade limpa, verde, natural, saudable e integrados en liña cos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030.