Luns. 20.05.2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, realizou unha visita ao Concello de Vilasantar para repasar co alcalde, Fernando Fernández Pérez, os investimentos autonómicos recentes e os proxectos en marcha no municipio.

Así, a representante do Goberno autonómico lembrou que a Xunta investiu máis dun millón de euros en Vilasantar durante o pasado ano 2023, en actuacións como a reforma da piscina municipal, a instalación de luminarias con tecnoloxía LED e contedores, a ampliación da ponte sobre o río Cabalar ou a sinalización da ruta dos muíños do río das Gándaras.

Futuros proxectos en Vilasantar co apoio da Xunta

Actualmente está en marcha o proxecto conxunto entre as administracións local e autonómica de humanización da travesía da AC-194, no lugar de Ru, na parroquia de Vilasantar. Dito proxecto, actualmente en proceso de licitación, conta cun orzamento de case 169.000 euros, financiado integramente pola Xunta a través da Axencia Galega de Infraestruturas. Pola súa banda, o goberno local asumiu a redacción do proxecto e o cumprimento da licitación e execución das obras, ademais das obrigas económicas que excedan o importe consignado.

Máis en detalle, a intervención consistirá no fresado e pavimentación duns 1,5 quilómetros, na construción dunha plataforma elevada na contorna da casa do concello e a instalación de tres pasos de peóns elevados para garantir a seguridade peonil.

Así mesmo, o alcalde de Vilasantar puxo sobre a mesa tres proxectos máis que xa contan co compromiso do ente autonómico. En primeiro lugar, o inicio dos labores de estudo das parcelarias das parroquias de Vilariño e San Vicente. En segundo lugar, o arranxo do campanario e a fachada do santuario da Laxe, na parroquia de Armental. Por último, o proxecto de habilitación dunha área de recreo na contorna do albergue de peregrinos, sito na reitoral rehabilitada do mesmo santuario.

Finalmente, a delegada e o rexedor comprobaron o resultado de varias actuacións enmarcadas no ámbito de colaboración da Xunta co Concello de Vilasantar. Así, ambos representantes coincidiron no beneficio de reforzar vínculos entre as administracións, mantendo un diálogo aberto entre o ente autonómico e municipal para entender e valorar as necesidades da veciñanza.