Sábado. 27.07.2024

O porto exterior do Concello de Ferrol foi o lugar escollido para a presentación dos vehículos eléctricos Arcfox, evento ao que acudiron o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, o presidente de BAIC New Energy Vehicle Company, Yu Tao, a representante de Arcfox Automotive, Zheng Fang, e o presidente da autoridade portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea.

No acto, o rexedor celebrou que Ferrol se converta de forma efectiva na base loxística para toda Europa destes vehículos, un fito “co que o noso porto exterior amosa, unha vez máis, que é a infraestrutura chave que abre Ferrol a novas oportunidades e á diversificación da nosa actividade empresarial e industrial”. Neste sentido, o alcalde amosou o respaldo “total e absoluto” ás compañías que apostan pola cidade departamental e trasladou o seu agradecemento a Arcfox por escoller Ferrol como porta ao mercado europeo.

Pola súa banda, a representante de Arcfox Automotive anunciou oficialmente o lanzamento destes vehículos eléctricos en España e o mercado europeo a través do porto de Ferrol, detallando que presentan catro modelos que “revolucionarán o sector do automóbil”. Segundo as previsións da executiva asiática, en 2025 Arcfox exportará entre 5.000 e 8.000 unidades ao ano.

Na mesma liña, o presidente de  BAIC New Energy Vehicle Company asegurou o seu compromiso con Galicia como “vector de crecemento fundamental no mercado europeo de vehículos eléctricos”. Neste sentido, incidiu a fortaleza do porto de Ferrol como impulsor da revolución do mercado europeo nos vindeiros anos.