Sábado. 27.07.2024

A Casa da Xuventude de Ribeira abrirá as súas portas o vindeiro venres 24 de maio para a prestación de espazos a actividades e obradoiros, co propósito de satisfacer as necesidades e aspiracións da mocidade do municipio.

Segundo anunciou a concelleira de Mocidade, Antía Alberte, despois dun “proceso de acondicionamento e da adquisición de mobiliario; estamos preparados para ofrecer o espazo para todas aquelas actividades multidisciplinares que favorezan o desenvolvemento persoal, social e profesional da nosa mocidade.”

A Casa da Xuventude está pensada para ser un punto de encontro inclusivo e dinámico onde cada mozo e moza poida atopar o seu lugar. A concelleira salientou que dende o goberno municipal “estamos abertos a calquera proposta para a realización de eventos, obradoiros ou charlas”. Así pois, abrirá todos os venres de 5 a 9 da tarde, decisión tomada tras realizar un proceso de consulta mediante un pequeno formulario.

Algunhas das actividades que a Casa da Xuventude acollerá proximamente serán unha formación e obradoiro audiovisual, proposto pola Asociación Ribeira Crea, e un obradoiro de repostería creativa en inglés. “Agardamos que a Casa da Xuventude se converta nun espazo que reflicta e celebre a diversidade e o talento da nosa mocidade”, concluíu Alberte.