Sábado. 27.07.2024

O vicevoceiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, propuxo a posta en marcha dun programa de descentralización turística que facilite o acceso ao patrimonio relixioso compostelán. A iniciativa consistiría na apertura de monumentos que xeralmente non son accesibles ao público ou só abren nos horarios de culto, polo que se habilitarían novos recursos dentro da oferta cultural e turística da cidade.

“Mantelos abertos ao público permitiría establecer itinerarios como unha ruta de conventos, ruta de órganos, o barroco compostelán, ruta dos tímpanos ou o barroco rural, entre outros, o que en períodos de gran afluencia de visitantes, contribuiría a reducir as concentracións na contorna da catedral e as súas prazas”, remarcou o vicevoceiro popular.

Para desenvolver dito programa sería precisa a colaboración da Igrexa e dos propietarios de lugares singulares, aos que se lles sufragarían os gastos de apertura e atención ao público nos días e horas que se establecesen. A maiores buscaríase o apoio doutras entidades públicas ou privadas para aportar recursos.

O obxectivo final deste programa sería establecer rutas alternativas para capitalizar os movementos turísticos, evitando concentracións elevadas de visitantes na contorna da catedral, á vez que Santiago faríase máis sostible como destino turístico. Como consecuencia, tamén aumentaría o tempo de pernoctación, o que significaría un incremento do gasto por turista e a súa repercusión positiva na economía local.

José Antonio Constenla insistiu en que este programa “melloraría a experiencia de visita e desfrute dos visitantes na cosa cidade e, por outro lado, reduciría o impacto que as visitas poden ter sobre a calidade de vida dos nosos veciños e a conservación do patrimonio”.