Sábado. 27.07.2024

Tras oito meses de negociación e a negativa da Sareb de cambiar o proxecto para a finca do Peleteiro segundo as propostas do Concello de Santiago, a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, solicitou unha reunión co Goberno central para lograr a súa mediación. Así pois, a rexedora, acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, reuniuse hoxe co ministro de Economía, Carlos Cuerpo, e a secretaria xeral do Tesouro, Paula Conthe.

Finalizada a reunión, a alcaldesa valorou o resultado como “moi satisfactorio, tendo en conta o punto no que se atopa actualmente esta actuación”. Neste sentido, os representantes locais e estatais acordaron traballar nunha nova aposta para os terreos do Peleteiro, sentando as bases para iniciar un traballo técnico encamiñado a cambiar a actual ordenación urbanística deste ámbito priorizando o uso residencial, promovendo a vivenda e adicando unha parte importante a vivenda protexida. Segundo explicou o ministro de Economía, o Goberno de España está a apostar por impulsar a construción de vivenda, en especial protexida, e a proposta do goberno municipal de Santiago encaixa nesa liña de traballo.

As grandes liñas da nova proposta pasarían por reducir o uso comercial e demais usos terciarios e incrementar o uso residencial, incluíndo vivenda protexida. En canto ao uso comercial, axustaríase ao modelo tradicional de comercio en planta baixa para coidar o pequeno comercio existente na zona, mantendo a edificabilidade prevista no plan actualmente vixente. Así, a partir de agora traballarase tecnicamente para materializar unha nova ordenación que responda as necesidades actuais do Ensanche compostelán e da cidade no seu conxunto.

PROCESO ENQUISTADO

Tras quince anos de abandono, o edificio do antigo colexio Manuel Peleteiro segue empobrecendo a imaxe e o comercio da zona. A propietaria da parcela, a Sociedade de xestión de activos procedentes da reestruturación bancaria (Sareb), ante a falta de consenso co Concello, solicitou a licencia en maio de 2023 para iniciar o desenvolvemento urbanístico, pese as propostas municipais para cambiar os usos da finca, xa que actualmente prima o comercial sobre o residencial.

Neste sentido, a Sareb pretendía construír un edificio destinado a uso comercial, ocio, restauración, oficinas, vivenda e equipamento público, outro de uso hoteleiro con 40 apartamentos e un espazo libre público de 1.395 metros cadrados, ademais de 400 prazas de aparcadoiro. Pola súa banda, as modificacións aportadas polo consistorio pasaban por adicar un 20% a vivenda protexida e impulsar o comercio en planta baixa, seguindo a tipoloxía tradicional do Ensanche. Non obstante, a propiedade rexeitou as propostas de modificación, pese aos oito meses de discreta negociación.

Paralelamente, o Concello requiriu á propiedade o pasado 8 de abril que emendase unha serie de deficiencias no proxecto presentado para a licencia, e convocou unha comisión mixta para informar aos grupos municipais, colectivos veciñais e asociacións de comerciantes o proceso de negociación infrutuosa.