Sábado. 27.07.2024

A liña de autobús que conecta a comarca do Barbanza co Hospital Clínico de Santiago e o Hospital de Conxo disporá a partir do vindeiro mércores, 15 de maio, dunha nova parada no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

Así, a Xunta pretende ofrecer un servizo máis cómodo ao persoal sanitario e ao resto de persoas usuarias da liña que acoden ao Hospital Psiquiátrico de Conxo, ao evitar o traxecto a pé dende a parada do centro hospitalario de Conxo. Así mesmo, a duración total das viaxes entre Ribeira e Santiago de Compostela non se verá incrementada, xa que a parada engadirase ao mesmo itinerario da liña de autobús.

Con esta mellora do servizo, a Xunta deu resposta ás peticións trasladadas polos usuarios da liña, que se puxo en marcha o pasado outubro para facilitar principalmente os desprazamentos ao traballo do persoal sanitario de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

Esta liña conta con seis expedicións todos os días do ano, tres de ida e tres de volta, axustadas aos horarios de mañá, tarde e noite dos traballadores. Ao non variar a duración da viaxe, os servizos seguirán saíndo da estación de autobuses de Ribeira ás 06:20, 13:20 e 20:20 horas. Para o regreso, os autobuses saen da estación intermodal de Santiago ás 08:10, 15:10 e 22:10 horas.

A medida aprobada responde ao compromiso continuo da Xunta de Galicia por mellorar os servizos de transporte público interurbano adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade das persoas usuarias.