Sábado. 27.07.2024

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nos campamentos infantís de verán organizados pola concellería de Igualdade do Concello de Ferrol. Ofértase un total de 440 prazas co obxectivo de facilitar ás familias a conciliación durante o período estival, ao tempo que os nenos e nenas poden desfrutar dunha oferta lúdica que lles permita aprender e socializar.

Este servizo está destinado á cativada con idades comprendidas entre os tres e os 13 anos e desenvolverase nos meses de xullo e agosto nos CEIP Ánxela Ruíz Robles e Ponzos no ámbito urbano e no local da asociación de veciños de Esmelle no ámbito rural.

No tocante a dita división por ámbitos territoriais, 340 prazas corresponden aos campamentos urbanos, cunha distribución de 210 prazas para o mes de xullo e 130 para o de agosto; mentres que os campamentos do rural ofertan 100 prazas, 60 para xullo e 40 para agosto.

O servizo prestarase de luns a venres, agás festivos, en horario ordinario, de 09:30 a 13:30 horas, e ampliado, de 08:30 a 14:30 horas.

As solicitudes poderán presentarse ata o 7 de xuño no Rexistro Xeral do Concello, sempre que se cumpra o requisito imprescindible de que o menor estea empadroado no Concello de Ferrol, agás os derivados da Casa de Acollida Municipal.