Sábado. 27.07.2024

O Concello de Oroso aprobou o orzamento municipal para o ano 2024 grazas á maioría do Partido Popular e cos votos en contra do PSdeG-PSOE e BNG. Este presuposto, que ascende a 8,7 millóns de euros, está centrado no gasto social e na conciliación familiar, segundo explicou o goberno local, priorizando “o benestar dos nosos maiores e nenos, destinando unha partida de 800.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar e 120.000 euros para o programa Concilia da Xunta de Galicia”.

Ademais, contempla un total de 37 actuacións de investimento, que suman máis de 1,7 millóns de euros, centradas na creación de postos de traballo. Neste sentido, recolle a habilitación de catro postos polo PEL, dous polo Aprol Rural e dous máis para vítimas de violencia de xénero, financiados pola Xunta de Galicia. Ademais, haberá dous Obradoiros de Emprego que permitirán formar a nove persoas desempregadas do municipio.

Outra das novidades do orzamento é a posta en marcha dun programa de axudas para as comisións de festas, co fin de promover a igualdade e a flexibilidade nos gastos. Dito programa será igualitario para todas as comisións e serán elas as que decidirán en que gastar as axudas recibidas.

Segundo declarou o goberno local, estes orzamentos son “realistas e axustados ao contexto e posibilidades do municipio, que prioriza o gasto social e a creación de emprego, buscando sempre o benestar e o progreso”.