Venres. 24.05.2024

O pleno extraordinario do Concello de San Sadurniño aprobou unha modificación para incorporar no orzamento unha partida específica de 200.000 euros para rehabilitar a galería da casa consistorial. A actuación, que xa está en marcha, financiarase cos remanentes líquidos de tesourería cos que pechou o 2023. Así pois, o trámite foi aprobado co voto favorable de todos os concelleiros e concelleiras presentes no pleno.

Tal e como figura no informe previo elaborado pola Intervención municipal, as contas municipais contan con recursos para afrontar o gasto, posto que o importe deducido da liquidación do exercicio 2023 ascendeu a un total de 526.531,13 euros. Agora, unha vez aprobada a modificación orzamentaria, o acordo exporase ao público por un período de 15 días. Superado este tempo sen alegacións, quedará aprobado automaticamente.