Venres. 14.06.2024

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, presentou a súa proposta de poñer en marcha o Bono Actívate, unha axuda universal de 100 € para apoiar aos maiores de 65 anos nos gastos que supón a práctica deportiva.

O obxectivo é fomentar a práctica deportiva “ata que un queira” e mediante unha axuda económica universal “sen ter en conta nin renda nin grao de dependencia” coa que sufragar gastos como as cotas das instalacións deportivas ou o custo das clases e o material.

 “Igual que axudamos ás familias con menores e 16 anos que practican algún deporte federado ou no programa Xogade co Bono Deporte, é de xustiza facelo tamén coa xeración que nolo deu todo e achegou os recursos que fan posibles medidas como esta”, explicou engadindo que “o deporte se pode facer a todas as idades”.

 Ante máis de 150 representantes de federacións e clubs deportivos, Rueda asegurou que “o deporte en Galicia funciona” e que a nosa Comunidade “é cada vez máis deportiva”. De aí o seu compromiso de seguir fomentando e apoiando desde o Goberno galego a práctica deportiva, tanto no que se refire ás federacións, como ao deporte escolar, ás instalacións deportivas ou ás axudas para profesionais.

 “Poucas cousas podemos facer tan boas como promocionar o deporte e convertelo nunha actividade fácil de practicar e que xere retorno”, asegurou mostrando a súa aposta por facer de Galicia unha Comunidade que toda España identificase co deporte grazas á súa contorna privilexiada, aos seus deportistas referentes e aos campionatos que acolle ano a ano.

 Neste sentido explicou que Galicia “ten un especial valor deportivo que hai que potenciar e tentar mellorar” no que se refire á súa contorna natural, á súa tradición deportiva e aos enclaves que ofrece para a práctica deportiva. Insistindo especialmente na retroalimentación que se dá entre o deporte e o turismo.

 “O deporte ten un gran impacto en termos de movemento económico: atrae a moita xente que gasta o seu diñeiro aquí e logo quere volver se lle gusta a nosa terra. Polo que non hai dúbida de que o deporte é rendible en todos os sentidos e de que non hai mellor viaxe turística que a organización dunha proba deportiva”, concluíu.