Domingo. 03.03.2024

José Ramón Gómez Besteiro, candidato socialista á Presidencia da Xunta, comprometeuse a impulsar un parque de vivenda pública o suficientemente amplo para que “ningún mozo ou moza teña que destinar máis do 30% do soldo a pagar a casa”. O candidato asinou este martes o programa mozo das Xuventudes Socialistas de Galicia co que Besteiro co que busca “recuperar o futuro que o PP roubou á xente nova do noso país”.

Besteiro realizou a primeira edición do programa “Besteiro Directo”, cunha charla informal a través das súas redes sociais, nun piso de estudantes de Santiago, emprazamento que serviu para denunciar as dificultades da xente nova para acceder a unha vivenda asequible en condicións dignas. O candidato estivo acompañado de representantes das Xuventudes Socialistas de Galicia, en particular, co seu secretario xeral, Xurxo Doval, no que presentaron as medidas promovidas por dita organización xuvenil que serán asumidas polos socialistas galegos a maiores do seu programa electoral de cara ás eleccións autonómicas. Despois do encontro, achegouse á entrada da Biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur, onde militantes das XSG estaban a realizar un reparto electoral.

Apuntou que neste programa recollen medidas para o que son “os cabalos de batalla” de ambas organizacións e da mocidade en Galicia, como son solucionar a problemática do acceso á vivenda, do acceso á saúde mental e as deficiencias do servizo de transporte metropolitano. “Estas son políticas claras e decididas por darlle un futuro á xeración mellor preparada da nosa historia”, afirmou un Besteiro que reiterou que “os socialistas somos un partido comprometido co progreso e dóenos ver como se foi para atrás nalgúns ámbitos por culpa da falla de políticas do PP, que o deixan todo á sorte do mercado”.