Domingo. 19.05.2024

O futuro centro de día para maiores do Concello de Cedeira xa está en fase final de construción. Para comprobar o estado das instalacións, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron o lugar. Esta iniciativa, que conta cunha achega de 135.000 euros, é un dos 318 proxectos beneficiados pola última convocatoria das axudas da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014–2020.

O centro de día para persoas maiores de Cedeira está apoiado polos fondos designados ao Grupo de Desenvolvemento Rural Seitura 22, que ten como ámbito de actuación preferente os concellos das comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal. Trátase dunha instalación de acollida diúrna non residencial e o seu obxectivo principal é favorecer as adecuadas condicións de vida das persoas maiores e os seus familiares, co fin de acadar o maior nivel posible de autonomía para os usuarios.

Santé e Aneiros puxeron de relevo esta iniciativa salientando o seu labor como panca de acción dinamizadora da contorna, xa que satisfai as necesidades da veciñanza e mellora as súas condicións de vida.

O PROGRAMA LEADER

O programa Leader persegue a aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando os recursos e actores, tanto económicos como humanos, que existan na comarca de actuación. Na liña de asegurar a participación da sociedade rural, constituíronse os GDR, entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados, que seleccionan os proxectos dentro das estratexias elaboradas polo grupo e aprobadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Estes grupos contan cun enfoque multisectorial e traballan co obxectivo de contribuír a un desenvolvemento rural equilibrado, incluíndo a creación e a conservación de emprego.