Domingo. 19.05.2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse coa xerente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte, Tamara Tilve, para abordar o estado de tramitación dos proxectos financiados nesta área territorial ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.

O GALP Golfo Ártabro Norte, ao que están adscritos os municipios de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Pontedeume, ademais dos de Miño e Paderne, é o encargado de xestionar sobre o territorio os mencionados fondos. Na primeira convocatoria do FEMPA financiáronse a través do GALP Golfo Ártabro un total de 11 proxectos, tres de carácter produtivo e outros oito non produtivos. Actualmente están pendentes de resolución definitiva as axudas da segunda convocatoria.

Durante a reunión, a delegada territorial puxo en valor a actividade que se desenvolve desde os GALP dentro do programa operativo do FEMPA, contribuíndo a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e á xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira, como o turismo mariñeiro. “Tamén favorecen a conservación e a valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro”, puntualizou a delegada autonómica.

O encontro coa xerente do GALP enmárcase dentro da rolda de contactos con concellos, axentes sociais e tecido socioeconómico da área ferrolá iniciada tralo recente nomeamento da delegada territorial para tomar o pulso ás necesidades da zona.