Sábado. 27.07.2024

O Consello Escolar Municipal de Ribeira, integrado por representantes de todo os centros educativos do municipio, profesorado, alumnado, sindicatos e representantes públicos, celebrou a súa primeira reunión a pasada semana. Esta xuntanza tivo lugar na Casa da Xuventude e contou cunha gran participación da comunidade educativa local. O obxectivo desta plataforma é implicar a todos os actores do desenvolvemento educativo para discutir e abordar os temas vencellados no proceso educativo.

“A constitución e convocatoria do Consello Escolar Municipal é un compromiso deste goberno local coa educación, co benestar dos seus cidadáns máis novos e unha aposta por fomentar órganos de participación social”, declararon dende a administración local.

Así pois, proporciona unha plataforma para que proxenitores, profesorado, alumnado, sindicatos e representantes do goberno local intercambien ideas, expresen preocupacións e avancen na colaboración para a toma de decisións importantes que afectan á educación da comunidade.

Durante a reunión, discutíronse unha variedade de temas como a necesidade de establecer medidas de calmado de tráfico e seguranza viaria nas contornas escolares, a necesidade de mellorar o illamento e a renovación de fiestras en varios colexios e institutos ou a xestión dos comedores escolares e o servizo de monitorado que lle ocasionan uns gastos importantes ás ANPAS.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, explicou que as suxestións compartidas no Consello Escolar Municipal servirán como guía para o desenvolvemento das tarefas de mantemento que debe asumir o Concello e ofreceu a colaboración do goberno para demandar á Consellaría de Educación os investimentos para que a comunidade escolar de Ribeira conte cos recursos materiais e co profesorado necesario.