Sábado. 27.07.2024

O Concello de Ferrol aprobou as bases e a convocatoria para a selección de 60 socorristas que realizarán labores de vixilancia e salvamento nas praias do municipio durante a temporada de verán 2024. Dos 60 postos ofertados, un desenvolverá as funcións de coordinación de praias e nove de coordinación de caseta. A previsión é que os socorristas comecen a traballar nas praias ferrolás o 15 de xuño.

O proceso de selección está composto por unha fase de concurso, na que se cualificarán os méritos alegados polos aspirantes, e por unha fase de oposición. Esta última consistirá nunha proba en piscina, na que se deberán completar 100 metros en estilo libre, e unha apnea de 10 metros recollendo un obxecto do fondo do vaso que se remolcará 90 metros en posición dorsal ou lateral. Con respecto aos postos de coordinadores, establécense probas específicas voluntarias.

As persoas interesadas terán un prazo de tres días hábiles para que comeza mañá, mércores 22 de maio, para presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello. Estas faranse mediante instancia de participación dirixida ao alcalde na que se fará constar que se reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos nesta convocatoria. A instancia levará implícita a declaración responsable de non estar inhabilitado para o desempeño de funcións e de non estar incurso en situación de incompatibilidade para prestar servizos na Administración pública.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no taboleiro de edictos do concello e na web municipal a listaxe provisional de aspirantes admitidos e excluídos, outorgando un prazo de dous días hábiles para emenda ou corrección de documentación.