Sábado. 27.07.2024

O Concello de Cedeira publicou o expediente de contratación da subministración dun punto limpo móbil para a xestión de residuos, un equipamento que ten un orzamento de partida de 25.410 euros e que será financiado en gran parte cunha axuda de 19.350 euros da Consellería de Medio Ambiente. As empresas interesadas teñen ata o 7 de xuño para a presentación de ofertas.

Con este investimento, a administración local contará cun remolque que se poderá acoplar aos vehículos de titularidade municipal, no que irá instalado o punto limpo, con bocas laterais para que a veciñanza deposite os diferentes residuos.

Así pois, o obxectivo do Concello de Cedeira é seguir avanzando na mellora da recollida separada dos residuos. Aínda que xa existe un punto limpo no polígono da Xunqueira, este novo servizo será itinerante e facilitará o servizo nas diferentes parroquias. Unha vez que estea en funcionamento, informase da localización e horario do remolque, que contará con 14 bocas laterais para depositar pintura, disolvente, tubos fluorescentes e outros residuos con mercurio, baterías e acumuladores ou equipos eléctricos, entre outros materiais.

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Cedeira celebra a iniciativa como un chanzo máis na loita contra o depósito incontrolado de lixo nos espazos naturais do municipio. Así mesmo, dende o goberno local lembran que a veciñanza tamén dispón de colectores para a recollida separada de envases lixeiros, papel-cartón, vidro, roupa e aceite de cociña usado; así como dun servizo de recollidas periódicas de residuos voluminosos porta a porta.