Sábado. 27.07.2024

O Concello de Boiro sacou a licitación as obras de reforma do mercado de abastos municipal, cun polo importe de 145.657,89 euros. O obxectivo do proxecto é unificar a imaxe do mercado, mellorando a sinalética dos comercios e a iluminación do espazo. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 4 de xuño.

Máis en detalle, a licitación recolle as actuacións de cambio de luminarias, pintado do falso teito segundo a tipoloxía do local e colocación de separadores e elementos decorativos. As obras inclúen a homoxeneización dos rótulos dos diferentes postos, un requisito xa disposto no regulamento do propio mercado municipal.

A reforma vaise levar a cabo mediante unha subvención do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, financiada con fondos Next Generation EU, para a modernización do centro comercial aberto de Boiro, cun valor total de 237.641 euros.

Así pois, ademais da reforma do mercado municipal, con esta subvención a administración local levou a cabo outras accións para a promoción do comercio local, como a implantación de sistemas de recollida e reciclaxe de envases, a instalación de puntos wifi e de recarga de vehículos eléctricos, a posta en marcha de bonos para o comercio ou a formación en marketing dixital e posicionamento SEO para os negocios.