Sábado. 27.07.2024

A concelleira de Recursos Humanos do Concello de Ferrol, Susana Sanjurjo, e o tenente alcalde, Javier Díaz, presidiron unha nova convocatoria da Mesa Xeral de Negociación, que se celebra de maneira ordinaria o terceiro mércores de cada mes. Nela, avanzaron aos sindicatos que o goberno local vai acometer unha modificación na relación de postos de traballo, polo que solicitaron propostas para mellorar o documento e adaptalo ás necesidades reais do municipio.

A concelleira insistiu en que "agora só se vai facer unha modificación para os aspectos imprescindibles e necesarios para o bo funcionamento e cumprimento das sentencias pendentes dende hai oito anos", para matizar que a modificación acometerase o antes posible, solicitando a implicación dos sindicatos para garantir que se recollan as demandas dos traballadores públicos.

“Cumprimos coa periodicidade da Mesa Xeral de Negociación, que é un compromiso de goberno cos sindicatos: escoitar aos traballadores e traballar xuntos nas melloras laborais dos empregados municipais”, rematou Sanjurjo.