Sábado. 27.07.2024

O Concello de Cerceda aprobou unha medida de fomento da natalidade para as familias cercedenses, a través dunha axuda de 300 euros por cada nacemento ou adopción para aliviar os primeiros gastos derivados da chegada dunha criatura ao fogar.

A administración local leva anos concedendo esta subvención e o ano pasado beneficiáronse dela 33 familias, “unha cifra moi positiva para un municipio da nosa dimensión”, sinalaron dende o consistorio.

Só poderán acceder á axuda os nacementos ou adopcións sucedidos entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 30 de outubro de 2024 e o neno ou nena debe estar empadroada no Concello de Cerceda. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de novembro e esta axuda é compatible con calquera outra establecida por outras administracións.