Sábado. 27.07.2024

A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, reuniuse co alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, os tenentes de alcalde e a concelleira de Facenda para abrir vías de comunicación que permitan satisfacer a alta demanda de chan industrial na comarca do Barbanza. Os representantes coincidiron na necesidade de buscar solucións rápidas, xa que os parques empresariais de Rianxo, Boiro e A Pobra do Caramiñal están ocupados na súa totalidade e varios empresarios buscan instalar as súas compañías na zona.

Actualmente o Concello de Ribeira traballa na busca de apoios para un futuro polígono na súa área de influencia. Neste sentido, a xerente de SEA comprometeuse a estudar o proxecto, pero subliñou que apoiará a dotación de chan no lugar que se demostre máis viable, “para favorecer a esta comarca e que poda seguir xerando emprego a través da implantación de novas empresas ou a ampliación das existentes”. Así mesmo, avanzou a apertura de vías de colaboración entre diferentes concellos e administracións.

Pola súa banda, o alcalde de Ribeira respaldou a decisión de SEA, xa que “a comarca do Barbanza é moi dinámica e necesita espazos onde asentar empresas e xerar emprego”. Neste senso, o rexedor destacou que a prioridade do Concello pasa por desenvolver o proxecto emprazado no lugar de Pedras Vermellas, para o que é necesaria a cooperación entre institucións, xa que o parque conta con 258.926 metros cadrados e prevese un investimento de 13 millóns de euros.