Sábado. 27.07.2024

O Concello de Cedeira vai realizar obras de rehabilitación nos lavadoiros da Penela e do Peneiro, nas que investirá 33.834,64 euros, grazas a unha axuda para a corrección de impactos paisaxísticos da Xunta de Galicia, que aportará 20.000 euros do orzamento. Esta actuación enmárcase no programa de recuperación destes elementos singulares da arquitectura popular no municipio, que nos últimos anos xa rescatou do abandono as fontes da Barca, das Saíñas, Fernando Lago, do Areal, de Vilar e de Vila do Río.

Neste caso trátase de rehabilitar e acondicionar o lavadoiro de Penela, no lugar de Muruxás, na parroquia de San Xulián de Montoxo; e a fonte e lavadoiro do Peneiro, no Beco, na parroquia de San Cosme de Piñeiro. Ambas estruturas son de formigón e están moi deterioradas, con fendas que ameazan a seguridade estrutural.

Os traballos consistirán na limpeza da vexetación e os paramentos, pavimentos e os propios lavadoiros, que presentan fendeduras e outros imperfectos. O lavadoiro do Peneiro ten un teito de placas de fibrocemento, que se vai cubrir con tella do país, mentres que o do Peneiro ten un tellado de formigón e lousa moi deteriorado. Neste caso, será preciso picar para ver o estado da armadura e decidir se substituíla ou reparala. A maiores, cambiaranse os canos e renovaranse os morteiros nas dúas fontes, para rematar colocando un chapado de pedras irregulares do país no chan e parte dos paramentos verticais do interior.

O alcalde cedeirense, Pablo Diego Moreda Gil, salientou a relevancia dos lavadoiros como “espazos de convivencia para moitas xeracións de veciños e veciñas de Cedeira”. Neste sentido, o rexedor subliñou a necesidade de investir na súa conservación e o compromiso da administración local de facelo pouco a pouco, na medida das posibilidades.