Martes. 07.05.2024

O Grupo Municipal Popular defende “os mesmos servizos para os veciños da Fonsagrada que para os de outros concellos”. É por iso polo que insiste na necesidade de dotar ao municipio dun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e, polo tanto, volverán a pedir no pleno que o goberno local acepte o ofrecemento da Xunta e acepte acoller no municipio a base do GES.

Concretamente, os populares piden a creación dun equipo de traballo, do que queren formar parte, para iniciar os trámites para a recuperación do servizo GES para o concello.

O portavoz, José Luis Regueiro, insiste en que “é necesario dotar á Fonsagrada deste servizo con persoal cualificado e material axeitado para atender as necesidades que se poidan presentar en materia de emerxencias no noso concello, cun termo municipal moi extenso”.

“Se o goberno socialista se opón a este servizo, estará cometendo un grave erro de pésimas consecuencias para os nosos veciños e veciñas”, segundo manifesta o popular que lembra: “a Xunta trata de dar aos veciños da Fonsagrada un servizo do que carecemos ata o de agora e a custe cero para o Concello”.

O popular lembra que A Fonsagrada xa contaba con este servizo que “o goberno local do PSOE non parou ata desmantelar deixando desprotexidos aos veciños da zona en materia de emerxencias”.