Martes. 30.04.2024

A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski acaba de obter o Certificado de Desperdicio Alimentario (Food Waste Management System) desenvolto polo líder mundial en servizos de inspección e certificación, Bureau Veritas.

Vegalsa-Eroski convértese así na primeira empresa do sector da distribución alimentaria en Galicia en conseguir a certificación que acredita a eficiencia do sistema de xestión co que a compañía contribúe a previr e reducir a xeración de residuos alimentarios en toda a súa cadea de subministración.

 Despois dun rigoroso proceso de xestión e verificación obtén esta certificación, garantindo así que non se realiza ningún desperdicio evitable de comida nin na súa rede de tendas nin nas súas plataformas de mercadorías. Para a concesión deste certificado, Bureau Veritas tivo en conta a memoria do proxecto elaborada por Vegalsa-Eroski que contempla o seu compromiso cos principios da prevención e xestión de residuos alimentarios, involucrando ás partes interesadas necesarias para o seu correcto desenvolvemento e establecendo uns indicadores que garantan a eficacia e a continuidade do proxecto ao longo do tempo.

O acto de entrega da certificación tivo lugar no hipermercado Eroski da Sionlla (Santiago de Compostela), coa presenza, desde a área de Desenvolvemento de Negocio de Bureau Veritas, de Mª Elena Cid Gil, e por Vegalsa-Eroski do director de Calidade e Medio, Ricardo Castro; da directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa, Gabriela González, e da responsable de Hipermercados Eroski, Begoña Louro, entre outros membros da compañía.