Martes. 30.04.2024

O presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez, presentaron en rolda de prensa, no Pazo da Cultura de Carballo, a sétima edición do ciclo de cinema euroárabe “Amal en Roteiro Carballo 2024”. Esta actividade está organizada conxuntamente por ambas as entidades co obxecto de achegar a sociedade árabe a Galicia, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea.

Esta edición está marcada pola actualidade, polos últimos acontecementos acaecidos en mundo árabe. Baixo o lema “Ninguén está a salvo”, e cunha imaxe sombría de cor negra, rende homenaxe ás persoas falecidas na traxedia do terremoto de Marrocos, que sacudiu o país o pasado 8 de setembro con epicentro na cidade de Ighil e deixando atrás a miles e miles de vítimas; do mesmo xeito que sucedeu na cidade libia de Derna, onde a auga arrasou con todo ao seu paso, incluídas infinidade de vidas humanas. E un mes máis tarde, en outubro, Ghaleb Jaber Martínez lembra que as bombas estaban e continúan a día de hoxe destruíndo os soños “do sempre esquecido pobo de Palestina”. “Ninguén está a salvo, todos estamos en perigo, independentemente do lugar de mundo no que nacésemos, enfrontándonos a perigos como o cambio climático, os extremismos ou o capitalismo salvaxe” –sinalou Jaber Martínez–.

Jaber Martínez manifestou que o festival AMAL, cos seus 21 anos cumpridos, e a mostra Amal en Roteiro, cos seus 7 anos en Carballo, son algo máis que un evento cinematográfico, son un “encontro de culturas, un espazo no que a gran pantalla transfórmase en xanela e esa xanela abre unha porta ao intercambio, á empatía e ao entendemento”.