Venres. 19.04.2024

A Xunta de Galicia aposta pola atención temperá debido á importancia do servizo na prevención ante calquera problema que se poida producir no desenvolvemento dos nenos. O Goberno galego leva moitos anos aumentando o seu financiamento para amplialo por toda a Comunidade e chegar a máis de 5000 nenos atendidos. A atención temperá é un servizo multidisciplinar destinado a nenos menores de seis anos con algún problema no desenvolvemento ou que poidan chegar a telo. Isto é, cuestións máis complexas como complicacións á hora de aprender algunha habilidade ou na adquisición de capacidades; ou outras máis leves e puntuais como pode ser o retraso á hora de andar, algunha dificultade na fala ou na pronuncia ou un anómalo rendemento escolar. Nas diferentes unidades, espalladas polo territorio galego, hai profesionais de diferentes ámbitos como o da psicoloxía, a fisioterapia ou a logopedia, entre outros, para traballar no que sexa preciso de xeito gratuíto para as familias. Pode traballarse o plano físico e motor, o plano cognitivo ou tamén o da linguaxe. Dada a importancia para as familias do servizo, o Goberno galego destina este ano 12 millóns de euros para consolidar a rede autonómica. Esta decidida aposta pola atención temperá permitiu ampliar considerablemente as unidades en Galicia. Mentres no ano 2009 existían dúas unidades na nosa Comunidade que daban atención a 15 concellos galegos, na actualidade son xa máis de 40 os centros que dan servizo a máis de 200 municipios. 

A conselleira Política Social e Xuventude nunha visita á unidade de atención temperá de Negreira (A Coruña)
A conselleira Política Social e Xuventude nunha visita á unidade de atención temperá de Negreira (A Coruña)

PEDIATRA, TRABALLOR SOCIAL OU ORIENTACIÓN NO CENTRO EDUCATIVO ENCARGADOS DA VALORACIÓN

Hai moitas familias que non coñecen o servizo e non saben se é necesario levar o seu fillo. Nestes casos, as recomendacións dos profesionais é que se calquera familia detecta algo anómalo sempre pode dirixirse ao seu servizo de pediatría, que será quen faga a primeira valoración; ao traballador social municipal do Concello; ou ao servizo de orientación do centro educativo no que estea matriculado o cativo. Calquera deles poderá indicarlles se é necesario levalo á atención temperá.