Luns. 20.05.2024

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, mantivo coa Asociación de Empresarios unha reunión de seguimento do novo polígono industrial no ánimo de seguir dando impulso á súa tramitación.

No transcurso do encontro informouse de que están en fase de redacción tanto os proxectos de expropiación e urbanización como os servizos arqueolóxicos e, de non xurdir imprevistos, a conclusión destes traballos está establecida para comezos deste verán. Deste xeito, na propia estación estival xa se podería impulsar o procedemento para acceder á compra de parcelas, unha vez concretadas as características das mesmas e o seu custe final, que rondará os 50 euros por metro cadrado.

Ademais, prevese que a licitación das obras de execución do proxecto construtivo se poida sacar a contratación tamén no verán e que os traballos puideran iniciarse no último trimestre do 2022.

AMPLIACIÓN 

Por outra parte, dado o alto interese constatado entre os empresarios locais a través da súa Asociación, acordouse solicitar unha entrevista co director do Instituto Galego de Vivenda e Solo co obxecto de estudar as posibilidades de ampliación do polígono empregando a zona onde se ubicaba o chamado macropolígono.

Os empresarios tamén manifestaron o seu interese en coñecer da Deputación o estado do proxecto de ampliación e mellora da estrada DP-7310 dende A Carballa ata a Moldes, que será un dos viais de acceso á área industrial.

Cómpre lembrar que o novo polígono, con 258.000 metros cadrados de superficie, estará situado no entorno de Fontenla e Pedras Vermellas, na parroquia de Palmeira.

O proxecto de expropiación está  sendo desenvolvido por Fernández Carballada y Asociados; e o de urbanización, por Monsa Urbanismo. En canto aos servizos de arqueoloxía, están sendo elaborados por Árbore Sociedade Cooperativa Galega.