Sábado. 27.07.2024

O Concello de Boiro vén de habilitar preto de corenta prazas de aparcamento na zona da rúa Cruceiro, moi preto do núcleo urbano do municipio. O obxectivo de habilitar novos espazos de estacionamento é mellorar a mobilidade e a creación de novas prazas para favorecer o acceso ás zonas comerciais. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luís Ruiz, visitaron o novo estacionamento que xa se atopa aberto ao público.

Co acondicionamento dunha finca o goberno local completa as actuacións que se realizaron na zona de Bao e rúa Nova de pavimentado da estrada e a reordenación dos espazos de estacionamento para aumentar a seguridade viaria e mellorar a fluidez do tráfico na zona. “Ofrecer servizos como a facilidade para aparcar é fundamental para a veciñanza e tamén para o comercio local, polo que a seguridade viaria e a fluidez do tráfico son unha prioridade para este goberno“, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.

Ademais da reorganización do espazo co que se gañaron novas prazas de estacionamento, habilitáronse tamén unha vintena nunha finca que se atopaba sen acondicionar e o sistema de arrendamento das parcelas é mediante a sinatura dun convenio cos propietarios polo importe do valor do IBI. “Deste xeito as persoas propietarias non teñen que aboar o imposto e non se teñen que ocupar do mantemento da finca”, afirmou o alcalde.

O Concello de Boiro empregou sistema de arrendamento por valor do IBI en outras parcelas para dotar o núcleo urbano de novos espazos de aparcamento. O obxectivo é seguir con esta fórmula naqueles lugares nos que existen dificultades de estacionamento para acondicionar novos aparcamentos en Escarabote, Espiñeira ou na Avenida da Constitución.