Domingo. 03.03.2024

A veciñanza de Melide que practique a natación terá que seguir facéndoo nas instalacións deportivas dos municipios da contorna, xa que o pasado 18 de decembro o Concello declarou deserta a licitación que permitiría realizar as obras de acondicionamento da piscina municipal climatizada que leva pechada máis de catro anos e medio.

Un proceso de licitación que, segundo o PP de Melide, “está cheo de dilacións que non se corresponden cos prazos da Lei de Contratos do Sector Público” e lembran que “o Proxecto Básico foi modificado ata en tres ocasións” ata alcanzar un orzamento de execución de 1.066.529,36 euros cun prazo de execución de 9 meses.

O PP considera que o procedemento de licitación xerou, e está a xerar, “un importante malgasto de recursos municipais, materiais e humanos, e que mostran a incapacidade do tripartito para realizar unha licitación pública que prometeu en varias ocasións públicamente”, e precisan que “agora demóstrase que era mentira ao estar pechadas as instalacións catro anos e medio despois” do inicio do procedemento no ano 2019.

O Partido Popular asegura que “a principal prexudicada por todas estas dilacións, incumprimentos e modificacións” no procedemento de licitación das obras de adecuación da piscina climatizada, “é a veciñanza, que catro anos e medio despois teñen que seguir indo a Arzúa se queren nadar”.