Mércores. 22.05.2024

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou en Guitiriz a súa aposta pola incorporación de Galicia á rede europea de hidróxeno coa construción do hidroducto a Zamora como “clave” no proxecto que desenvolverá á fronte do Goberno galego para reindustrializar o país aproveitando o seu potencial enerxético.

Fíxoo nun encontro que mantivo na vila chairega xunto ao Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, a Alcaldesa guitiricense e Deputada provincial Marisol Morandeira, e membros da candidatura socialista ás eleccións autonómicas, con rexedores, voceiros municipais e militancia das comarcas da Chaira e de Lugo.

Fronte a un Rueda “resignado e ausente, que non ten ningún balance positivo do pasado nin ningún proxecto de futuro para o noso país, e que respecta tan pouco aos galegos e galegas que se esconde dos debates, eu serei un Presidente da Xunta con iniciativa, con ambición de país, para atraer investimentos e aproveitar todas as oportunidades que temos en Galicia apostando por infraestruturas estratéxicas como o hidroducto Guitiriz-Zamora”, subliñou Besteiro.