Luns. 20.05.2024

O Concello de Antas de Ulla contratou oficialmente a reforma da Casa da Cultura de Antas de Ulla, tras varios meses de intensas xestións “para arranxar coa maior celeridade a neglixencia do anterior goberno local”. As obras estarán rematadas a finais de verán.

Tras o acto administrativo de sinatura do contrato entre o concello e a empresa que se vai encargar da execución da obra, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asistiu á presentación á veciñanza de Antas de Ulla do proxecto xunto á alcaldesa, Pilar García Porto, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

O Concello de Antas de Ulla ingresou en decembro de 2022 a subvención de 816.000 euros que lle foi concedida polo Goberno de España con fondos europeos para a reforma da Casa da Cultura, “pero e o anterior alcalde destinou todos eses cartos ó pago de facturas que tiña pendentes”, lembra García Porto.

“É dicir, desviou os fondos públicos con carácter finalista que recibiu o concello para as obras da Casa da Cultura para pagar facturas e débedas. E fíxoo en época preelectoral, durante os seis meses antes ás eleccións municipais, polo que a neglixencia foi absoluta”, engade a alcaldesa.

“Puxémonos a traballar coa maior celeridade, xa que nin sequera había proxecto de execución, e xestionamos un crédito a longo prazo que nos permitirá afrontar a obra sen lastrar a economía do concello”, explica a García Porto. “Conseguimos o crédito grazas a ter uns orzamentos aprobados e en vigor desde o pasado 1 de xaneiro”, afirma.

Este proxecto inclúe a reforma da envolvente enerxética do edificio actual da Casa da Cultura, mellorando o seu illamento e gañando en confortabilidade. Manterase o equipamento da Biblioteca e reordenarase o resto do espazo dispoñible para posibilitar que sexa polivalente e accesible a todas as asociacións culturais do concello.