Luns. 20.05.2024

O Concello de Ribeira acaba de adxudicar as obras do proxecto Escola de Deportes Náuticos de Aguiño cun orzamento dun 1.210.000 euros e un prazo de execución de 14 meses.

O obxectivo principal, explican dende o Concello, é a construción dun edificio para albergar unha escola municipal e a sede do Club de Remo Náutico de Ribeira. Esta adxudicación chega despois de varios meses de traballo nos que houbo que modificar o proxecto inicial “para evitar sobrecustos na obra ou para evitar a eliminación algún dos servizos que ofrecerá este equipamento deportivo”indican.

O edificio estará localizado na zona portuaria de Aguiño e terá unha superficie aproximada de 35,50 x 17 metros. No baixo haberá unha entrada, a recepción, espazo de almacenamento para embarcacións e foso de remo, mentres que o primeiro andar adicarase a un salón multiusos con despachos, baños adaptados, vestiarios e ximnasio con zona fitness e cardio.

O foso de remo permitirá o adestramento en condicións adversas e no inverno, mentres que a sala multiusos tamén permitirá a súa utilización como aula ou salón de conferencias.

Dende o equipo de goberno local reafirman o seu compromiso de seguir mellorando os fondos destinados á promoción do deporte ribeirense.

“As remeiras e remeiros do CRN de Ribeira levan tempo conseguindo éxitos e facendo un labor encomiable e precisan unhas instalacións decentes” explicou o alcalde Luís Pérez.

“O labor que realiza este club, a pesar das precarias instalacións, fan que sexa de xustiza que teñan unhas infraestruturas axeitadas nas que poder desenvolver a súa actividade. Con esta adxudicación cumprimos coa nosa palabra e grazas ao traballo conseguimos materializar este proxecto”.