Sábado. 04.05.2024

A Deputación de Lugo comezou os traballos de mellora da estrada LU-P-4401, a vía provincial que conecta A Pastoriza con Muimenta pasando por Reigosa. Os traballos, que teñen un investimento de 304.250€, execútanse en preto de 11 quilómetros, dende o punto quilométrico 0 e o 10,9.

Estas melloras beneficiarán á veciñanza das localidades da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, así como a todas as persoas que cada día transitan por ela para desprazarse pola comarca da Terra Chá.

Os traballos consisten na rexeneración con aglomerado en quente por tramos e na reposición da pintura nos preto de 11 quilómetros da vía, mellorando a súa seguridade e comodidade de xeito integral. O prazo de execución é de 6 de meses, pero a previsión é que as obras queden rematadas antes se as condicións meteorolóxicas son favorables.

A institución provincial suma esta nova actuación na súa rede de estradas, a máis longa de España, dentro da aposta do Goberno pola mellora da mobilidade para favorecer o reequilibrio territorial, especialmente nas zonas rurais.