Venres. 03.05.2024

Comezaron os traballos de construción dunha depuradora ecolóxica en Xermade froito dun convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello, a través do que a institución provincial destina 46.000€ a este fin. Estará no barrio do Empalme, na parroquia de Cabreiros.

Esta nova dotación pública mellorará o día a día da veciñanza dunha ducia de vivendas do rural, onde o pico máximo de poboación que se acada é de 25 persoas. Terá capacidade para filtrar 4.256m3 ao día. Vaise instalar ao aire libre nunha finca que se denomina Prado Vello, que conta cunha superficie de 272 m2, dos que a depuradora ocupará arredor de 100 m2. Ata o momento, este barrio aínda non tiña depuración de augas e era moi necesaria, polo que se dá solución a esta demanda veciñal grazas ao acordo do Concello e a Deputación.

Este tipo de depuradoras funcionan ao aire libre e con plantas, e teñen un custe de funcionamento e de mantemento máis barato que as convencionais, sendo a opción máis vantaxosa para núcleos de poboación pequenos coma este do Empalme. Os expertos resaltaron que este tipo de depuración non dá olores e que acada incluso mellores resultados que os sistemas tradicionais.