Venres. 03.05.2024

A escola de San Cosme de Piñeiro, na Pastoriza, loce renovada tras as melloras realizadas polo Concello co financiamento das áreas de Cultura e Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A vicepresidenta Maite Ferreiro e a tenente alcalde pastoricense, Elva Carrera, achegáronse ata a instalación para comprobar o resultado das intervencións realizadas nos últimos meses co obxectivo de mellorar a confortabilidade dun espazo empregado habitualmente pola veciñanza da parroquia para reunións e para obradoiros e actividades promovidas desde a área de Servizos Sociais do Concello.

A reforma incluíu a renovación dos ventanais e a instalacións dun falso teito para mellorar o illamento térmico do edificio e o acondicionamento do interior, co pintado das paredes a dotación de mobiliario novo. Ademais, mellorouse a entrada para facilitar o acceso da veciñanza. O acondicionamento da escola supuxo un investimento de máis de 21.000 euros.