Sábado. 13.04.2024

Baixo o lema Un grande atrevemento, a Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago, desenvolverán os días 23 e 24 deste mes o VI Festival Rosalía, cunha axenda de actividades que inclúen poesía, teatro, narración oral, música e artesanía, e unha quincena de actividades para conmemorar o 187 aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro. O epicentro desta celebración será a compostelá praza de Mazarelos.

"Rosalía de Castro foi pioneira, vangardista e atrevida, o que dá título a esta edición do festival: Un grande atrevemento, e un dos maiores atrevementos de Rosalía foi escribir Cantares Gallegos e Follas Novas en galego naqueles tempos", destacou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, durante a presentación do festival, na que estivo acompañada pola deputada provincial de Normalización Lingüística, Soledad Agra e polo escritor e editor Antón Lopo.

O VI Festival Rosalía ofrece dúas xornadas intensas de actividades que comezarán o venres 23 de febreiro, ás 17:00 horas, coa apertura da feira de produtos con "marca Rosalía". Contra as 17:30 horas será a quenda de Somos fíos, somos fontes, somos regatos pequenos, unha sesión de contacontos familiar a cargo de Trastenda dos Contos. Ben entrada a tarde, ás 19:00 horas, Isabel Risco e Fran Rei encarnarán a Rosalía de Castro e máis a Eduardo Pondal no seu espectáculo escénico Dúo vaguedades, unha montaxe que fusiona música, audiovisual, teatro e humor. E, ás 20:30 horas, o Festival Rosalía recibirá Indóciles, proxecto multidicisplinar que reúne a cantante e compositora Mónica de Nut, a narradora oral Vero Rilo e a recitadora Nuria Vilán, Nuria Vil que achegará ao público a obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.

A deputada provincial de Normalización Lingüística, Soledad Agra, Agra destacou durante a presentación do festival que "encheremos Compostela para celebrar novas creatividades en lingua galega", e incidiu en que nesta edición hai "un programa intenso, variado e diverso para todo tipo de públicos".

Así, a xornada do sábado 24 de febreiro, a soprano Esperanza Mara e os artistas urbanos pertencentes á Vella Escola, ofrecerán ao mediodía a Ópera Break's, un espectáculo que mestura canto lírico, break-dance, DJs e beatbox. O espectáculo familiar de Luís Vallecillo, Cantamos con... Rosalía de Castro! amenizará a Sesión Vermú a partir das 13:30 horas. Coa entrada da tarde (16:30 horas) Os Quinquilláns desenvolverán un pasarrúas teatralizado nun circuíto circular pola cidade, e a partir das 17:00 horas terá lugar Contos nunha roda, actividade de narración oral baseada na obra Cantares Gallegos. O Quiz Rosaliano, no que os participantes poderán amosar os seus coñecementos sobre a vida e obra de Rosalía de Castro, comezará ás cinco e media da tarde, antes da presentación do libro (18:30 horas) da investigadora Pilar García Negro, Intenso e solidario Feminismo. Estudios Rosaliano.

O recital O atrevemento da voz nos versos (20:00 horas), organizado por Chan da Pólvora Editora, estará a cargo das oradoras Rosalía Fernández, Sol Mariño, Lúa Mosquera e Nuria Vil. E, o VI Festival Rosalía baixará o pano desta edición coa actuación de Loita Amada, que presentará, a partir das 21:15 horas o seu traballo discográfico Rematou o simulacro.